O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2010)
Pladiga 2010O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2010) foi aprobado polo Consello da Xunta, consonte ao establecido pola Lei 3/2007, do 9 de abril, de loita contra o lume. Segundo o artigo 6 desta norma, correspóndelle ao Goberno Galego elaborar dito plan oído o Consello Forestal de Galicia, órgano consultivo e asesor da Administración Forestal.Este ano o Pladiga mantén practicamente idéntico o dispositivo humano e material. Tan só se incrementan lixeiramente os medios humanos (con 2 brigadas máis) e mantéñense os mesmos medios materiais, malia o axuste orzamentario derivado da desaparición de dous apartados extraordinarios habilitados na campaña de 2009.
Obxectivos
O obxectivo fundamental do Pladiga 2010 é acadar unha diminución do número de lumes e a superficie afectada por baixo da media rexistrada nos últimos dez anos. Entre as novidades para este ano, inclúe varios plans independentes e específicos para prevención; detección, disuasión e investigación; extinción e formación.
Tamén se actualizan os obxectivos de control en canto a número de lumes e superficie queimada, amplíase a participación das agrupacións veciñais de vixilancia forestal e do voluntariado ambiental, actualizase o marco legal e a Rede de Espazos Protexidos e simplifícase a caracterízación dos ecosistemas forestais galegos.
Como obxectivos específicos de control para o ano 2010 (en relación coa superficie afectada) determínanse os de non superar a media de 3 hectáreas por lume, manter o número de incendios maiores de 25 hectáreas por debaixo do 2% do total e a porcentaxe dos menores de 1 hectárea por riba do 70%.
Ademais, serán obxectivos complementarios, entre outros, fomentar ao máximo a colaboración de veciños, entidades locais, comunidades e asociacións na loita contra o lume; previr accidentes, coidando a seguridade do persoal; priorizar as actuacións para que os lumes non ameacen ás persoas, os seus bens e as infraestruturas vitais, nin se acheguen aos espazos naturais protexidos, e continuar coa labor de investigación nas vertentes policial, forestal e sociolóxica.
Estrutura
O Pladiga 2010 incorpora unha estrutura con varios plans específicos. Así, o de prevención contempla por un lado accións dirixidas á poboación, entre as que salientan as relativas á educación ambiental e en concreto aos sistemas de alerta preventiva que inclúen as restricións recollidas na normativa en función da gradación do Índice de Risco Diario de Incendio Forestal (Irdi).
Por outra parte, concrétanse accións dirixidas ao territorio: De compoñente produtivo e xestión forestal; de control selectivo do combustible no monte –cortalumes, rozas e queimas controladas– e de construción e mantemento de infraestruturas preventivas (puntos de auga, rede de pistas e puntos de vixilancia).
Detección, disuasión e investigación
Dentro do Pladiga este ano fíxose tamén un plan específico para a detección, disuasión e investigación, diferenciando as vertentes forestal e policial, no que destacan as actuacións deseñadas para as zonas de especial vixilancia que determine o Comité Policial Antiincendios. Estas actuacións serán realizadas polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, co reforzo das patrullas das Forzas Armadas.
Tamén se consolida, neste eido da detección, a participación das agrupacións veciñais de vixilancia forestal e do Voluntariado Ambiental que prestará atención ao contorno dos camiños de Santiago (Portugués e Vía da Prata).
Extinción
No que atinxe á extinción, levouse a cabo o necesario axuste e actualización dos procedementos operativos e protocolos, ampliándose os obxectivos en materia de diminución do tempo de reacción, de control e de duración do lume por debaixo da media dos últimos dez anos nestes tres parámetros.
Outra novidade destacada este ano con respecto ao pasado é a posta en marcha dun Plan de Formación, que busca, entre outros fins, facilitar a adquisición ou actualización dos coñecementos necesarios para o desenvolvemento das funcións concretas de cada categoría e perfeccionar os coñecementos teórico-práctivos adquiridos.
Dispositivo humano e material
No Plan deste ano está prevista a mobilización de 6.085 persoas en tempada de máximo risco, sen contar voluntarias/os (en 2009 foron 6.070 efectivos), das cales 2.670 teñen vinculación laboral coa Xunta (ben por seren funcionarios ou persoal laboral fixo ou fixo discontinuo), ben contratados directos polo SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, da propia Consellería do Medio Rural). Outros 2.320 están contratados a través da Empresa Pública Servizos Agrarios Galegos (Seaga). Os restantes 1.095 son persoal municipal ou dos GRUMIR (Grupos Municipais de Intervención Rápida), ou de GLPA (Grupos Locais de Pronto Auxilio).
O Pladiga 2010 recolle un despregue, en tempada de alto risco, de 659 cuadrillas de extinción de lumes forestais, que darán cobertura e servizo a tódolos concellos galegos, cun sistema de espallamento que garante a optimización de recursos en todo momento, e en toda a xeografía galega. En relación co 2009, este ano haberá 2 brigadas máis sobre o terreo, ao incorporarse 3 novas a través de Seaga e diminuír 1 GRUMIR, xa que o concello pontevedrés de Tui decidiu non participar este ano no convenio que asinan a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a constitución destes grupos.
Estes seis milleiros amplos de profesionais contra os lumes forestais terán ao seu dispor este verán, na temporada de máximo risco, 26 medios aéreos da Xunta, 8 propios do Estado, e 4 dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado; aos que cómpre engadir outros medios do Exército de dispoñibilidade compartida con outras Comunidades Autónomas.
En terra, o Pladiga 2010 recolle máis de 300 medios de loita contra o lume, entre os que cabe salientar 156 motobombas do SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais).
Orzamento
O orzamento que destina este ano a Xunta para a prevención e a extinción de lumes forestais se sitúa nos 107,1 millóns de euros, o que supón unha pequena redución respecto do 2009, porque desaparecen dous apartados extraordinarios habilitados na anterior campaña. Cómpre salientar que o estrito operativo de extinción mantense estable respecto do anterior exercicio. No seguinte cadro amósase a distribución por conceptos e a comparativa con 2009:
Pode descargar o Pladiga nas seguintes ligazóns:
Memoria (2,14 Mb)
Memoria (6,48 Mb)
Memoria (7,21 Mb)
Fuente: http://mediorural.xunta.es/
Comentarios
Publicar un comentario