O Pladiga 2010 busca reducir o número de lumes e a superficie queimada por debaixo da media dos dez últimos anos


  • No Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia de 2010 mantéñense os medios humanos e materiais, malia a redución orzamentaria pola desaparición de dous apartados extraordinarios da anterior campaña
  • O Pladiga 2010 foi presentado esta tarde polo conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Montes, tras ser avaliado pola mañá no Consello Forestal
  • Entre as novidades para este ano, o Pladiga –que será sometido mañá ao Consello da Xunta– presenta unha estrutura con plans específicos de prevención; detección, disuasión e investigación; extinción e formación
O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, e o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, presentaron esta tarde en rolda de prensa o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2010), que esta mañá foi analizado no seo do Consello Forestal de Galicia –órgano consultivo e asesor da Administración Forestal– e que mañá será sometido ao Consello da Xunta.

Con relación ao Pladiga de 2009, para esta tempada mantense practicamente idéntico o dispositivo humano e material. Increméntanse lixeiramente os medios humanos (con 2 brigadas máis) e mantéñense os medios materiais, a pesar do axuste orzamentario derivado da desaparición de dous apartados extraordinarios habilitados na anterior campaña.


Co Pladiga 2010 búscase acadar unha diminución do número de lumes e a superficie afectada por baixo da media rexistrada nos últimos dez anos. Entre as novidades para este ano, inclúe varios plans independentes e específicos para prevención; detección, disuasión e investigación; extinción e formación. Tamén se actualizan os obxectivos de control en canto a número de lumes e superficie queimada, consolídase a participación das agrupacións veciñais de vixilancia forestal e do voluntariado ambiental, actualizase o marco legal e a Rede de Espazos Protexidos e simplifícase a caracterización dos ecosistemas forestais galegos.

Obxectivos

O obxectivo xeral do Pladiga é reducir ao mínimo posible os danos ecolóxicos, económicos e sociais producidos polos lumes forestais na Comunidade Autónoma de Galicia, dentro dos recursos dispoñibles.

De acordo con este fin global, establécense como obxectivos específicos de control para o ano 2010 (en relación coa superficie afectada) non superar a media de 3 hectáreas por lume, manter o número de incendios maiores de 25 hectáreas por debaixo do 2% do total e a porcentaxe dos menores de 1 hectárea por riba do 70%.

Como obxectivos complementarios deste plan, determínanse os seguintes: Fomentar ao máximo a colaboración de veciños, entidades locais, comunidades e asociacións na loita contra o lume; previr accidentes, coidando a seguridade do persoal; manter a moral de todo o persoal implicado na loita contra os incendios; priorizar as actuacións para que os lumes non ameacen ás persoas, os seus bens e as infraestruturas vitais, nin se acheguen aos espazos naturais protexidos, e continuar coa labor de investigación nas vertentes policial, forestal e sociolóxica.

Desglose

O Pladiga 2010 incorpora un desglose da planificación na loita contra os lumes en varios plans específicos. Así, o de prevención contempla por un lado accións dirixidas á poboación, entre as que salientan as relativas á educación ambiental e en concreto aos sistemas de alerta preventiva que inclúen as restricións recollidas na normativa en función da gradación do Índice de Risco Diario de Incendio Forestal (Irdi).

Por outra parte, concrétanse accións dirixidas ao territorio: De compoñente produtivo e xestión forestal; de control selectivo do combustible no monte –cortalumes, rozas e queimas controladas– e de construción e mantemento de infraestruturas preventivas (puntos de auga, rede de pistas e puntos de vixilancia).

Detección, disuasión e investigación

Dentro do Pladiga este ano fíxose tamén un plan específico para a detección, disuasión e investigación, diferenciando as vertentes forestal e policial, no que destacan as actuacións deseñadas para as zonas de especial vixilancia determinadas polo Comité Policial Antiincendios.

Estas actuacións serán realizadas polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, co reforzo das patrullas das Forzas Armadas.

Tamén se consolida, neste eido da detección, a participación das agrupacións veciñais de vixilancia forestal e do Voluntariado Ambiental, que prestará atención ao contorno dos camiños de Santiago (Portugués e Vía da Prata).

Extinción

No que atinxe á extinción, levouse a cabo o necesario axuste e actualización dos procedementos operativos e protocolos, ampliándose os obxectivos en materia de diminución do tempo de reacción, de control e de duración do lume por debaixo da media dos últimos dez anos nestes tres parámetros.

Outra novidade destacada este ano con respecto ao pasado é a posta en marcha dun Plan de Formación, que busca, entre outros fins, facilitar a adquisición ou actualización dos coñecementos necesarios para o desenvolvemento das funcións concretas de cada categoría; perfeccionar os coñecementos teórico-práctivos adquiridos; prestar especial atención as normas de seguridade e saúde no traballo e mellorar a eficacia no emprego de novas tecnoloxías. Incorpórase, ademais, unha relación detallada de todas as actividades formativas para o persoal, segundo os diferentes niveis de cualificación (básico, intermedio e superior).

Dispositivo humano e material

No Plan deste ano está prevista a mobilización de 6.085 persoas en tempada de máximo risco, sen contar voluntarias/os (en 2009 foron 6.070 efectivos), das cales 2.670 teñen vinculación laboral coa Xunta (ben por seren funcionarios ou persoal laboral fixo ou fixo discontinuo), ben contratados directos polo SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, da propia Consellería do Medio Rural). Outros 2.320 están contratados a través da Empresa Pública Servizos Agrarios Galegos (Seaga). Os restantes 1.095 son persoal municipal ou dos GRUMIR (Grupos Municipais de Intervención Rápida), ou de GLPA (Grupos Locais de Pronto Auxilio).

O Pladiga 2010 recolle un despregue, en tempada de alto risco, de 659 cuadrillas de extinción de lumes forestais, que darán cobertura e servizo a tódolos concellos galegos, cun sistema de espallamento que garante a optimización de recursos en todo momento, e en toda a xeografía galega. En relación co 2009, este ano haberá 2 brigadas máis sobre o terreo, ao incorporarse 3 novas a través de Seaga e diminuír 1 GRUMIR, xa que o concello pontevedrés de Tui decidiu non participar este ano no convenio que asinan a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a constitución destes grupos.

Estes seis milleiros amplos de profesionais contra os lumes forestais terán ao seu dispor este verán, na temporada de máximo risco, 26 medios aéreos da Xunta, 8 propios do Estado, e 4 dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado; aos que cómpre engadir outros medios do Exército de dispoñibilidade compartida con outras Comunidades Autónomas. En terra, o Pladiga 2010 recolle máis de 300 medios de loita contra o lume, entre os que cabe salientar 156 motobombas do SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais).

Orzamento

O orzamento que destina este ano a Xunta para a prevención e a extinción de lumes forestais se sitúa nos 107,1 millóns de euros, o que supón unha pequena redución respecto do 2009, porque desaparecen dous apartados extraordinarios habilitados na anterior campaña. Cómpre salientar que o estrito operativo de extinción mantense estable respecto do anterior exercicio. No seguinte cadro amósase a distribución por conceptos e a comparativa con 2009:



Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera