Rueda e Juárez inauguraron en Sergude “Galiforest”, o primeiro monográfico forestal internacional para o sur de Europa
- Durante todo este certame haberá cursos sobre a seguridade no manexo de máquinas e ferramentas forestais
- O respecto ao medio ambiente no sector forestal e as novidades introducidas a este respecto teñen un papel protagonista na feira
Os conselleiros de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e do Medio Rural, Alfonso Rueda e Samuel Juárez, respectivamente, inauguraron esta mañá en Sergude (Boqueixón), o I Monográfico Forestal Internacional para o Sur de Europa “Galiforest”. No acto, que tivo lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal, tamén estiveron outras autoridades como o alcalde do municipio, Adolfo Gacio, o delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo, o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, e a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, Alejandra Álvarez de Mon, entre outros.
Samuel Juárez destacou a importancia deste tipo de eventos para confirmar a vocación forestal de Galicia, que conta –en números redondos– con 2 millóns de hectáreas forestais. Engadiu que a posta polo aproveitamento sostible dos recursos dos montes galegos sitúa á nosa Comunidade como territorio de referencia, mesmo no ámbito europeo, nesta materia.
O titular de Medio Rural cualificou o sector forestal como un factor clave de desenvolvemento para as áreas rurais que, xunto co agrario e gandeiro, constitúe un dos tres piares fundamentais sobre os que se asenta o tecido produtivo do medio rural galego. Unhas bases que fan posible –engadiu– o mantemento da poboación e a xeración de riqueza neste eido e que garanten o seu futuro.
Pola súa banda, Rueda celebrou que Galicia teña por fin un certame monográfico dedicado ao mundo forestal, especialmente pola importancia deste sector para a economía e a propia identidade galega.
Segundo o titular de Presidencia, o feito de cubrir este “baleiro” no abano de actividades feirais exemplifica a filosofía da Fundación Semana Verde na nova etapa que abriu hai un ano: “unha feira atenta á realidade do pais que sae ao encontro dos diferentes sectores económicos”.
Galiforest convértese nun escaparate dos últimos avances en explotación forestal, prevención e extinción de incendios e transformación e aproveitamento da biomasa. Un escenario que permite mostrar o funcionamento da maquinaria e dos equipos in situ coa premisa de respecta-lo medio ambiente no sector forestal para acadar unha xestión sostible do monte e a conservación do hábitat.
Actividades
Ata este vindeiro sábado 26 de xuño, Galiforest acollerá diversas actividades relacionadas co sector onde expertos informarán aos asistentes da situación forestal en Galicia, da calidade da materia prima e da certificación forestal PEFC. As xornadas contarán cunha parte oral e unha demostración práctica.
Ademais, tódolos días da feira haberá un apartado sobre seguridade no manexo de máquinas e ferramentas forestais onde se ensinarán nocións básicas sobre os equipos de protección individual a empregar, técnicas básicas de traballo, tala, desramado, uso de tractel, traballos eventuais en altura con motoserras e seguridade no mantemento das máquinas. Este monográfico contará tamén cun concurso sobre innovación tecnolóxica, onde cada stand poderá presenta-las súas novidades.
Sectores
Os sectores presentes en Galiforest 2010 están relacionados coa maquinaria forestal, produción de madeira, servizos forestais, aproveitamento do monte, biomasa e outras enerxías renovables, loita contra incendios e formación e investigación. Tamén están presentes empresas mixtas de transformación e servizos, do sector industrial de primeira transformación, asociacións e organismos verticais e industrias de transporte de madeira e vehículos todoterreo.
Fonte: http://mediorural.xunta.es/
Comentarios
Publicar un comentario